• A renovada xunta directiva de AGALIN prepara o V Congreso inmobiliario de Galicia, que se celebrará en abril na Coruña
  • Martínez cre que “o sector está  nunha época de cambios cruciais”, que afectan tanto os compradores e aos vendedores coma ás axencias”
A Coruña
Emma Martínez, Presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN).
29/02/2024
Foto: Moncho Fuentes / Orestes Comunica

19.03.24. A coruñesa Emma Martínez de la Fuente é desde esta semana a presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN). Ela e o seu equipo abordarán nas vindeiras semanas o seu primeiro reto:  a organización do V Congreso Inmobiliario de Galicia, xa moi avanzada pola directiva saínte. Este ano, o Congreso de AGALIN celebrarase os días 18 e 19 de abril na Coruña.

Co nomeamento da súa nova xunta directiva, a entidade na que se reúnen as axencias inmobiliarias de Galicia abre unha época na que quere continuar mellorando o seu posicionamento como a asociación profesional inmobiliaria de referencia en Galicia, dinamizar a colaboración e a comunicación entre todos os asociados, e consolidar a colaboración coas administracións públicas.  

“A xunta directiva saínte fixo un gran traballo”, explica Emma Martínez de la Fuente, “e temos a obriga de continuar avanzando, máxime cando  o sector está  nunha época de cambios cruciais”. Ao referirse a eses cambios, cita “tanto factores conxunturais coma outros de longo alcance e complexidade que afectan tanto aos compradores de vivenda coma a promotores, vendedores particulares e, por suposto, ás axencias”.

Pouca oferta, alugueres turísticos…

Entre os fenómenos conxunturais, a nova presidenta de AGALIN refírese  á “debilidade da oferta de vivenda nova” e á “previsible baixada dos tipos de interese“.  Entre os procesos de longo alcance que afectan a compradores e vendedores ou ao mercado dos alugueres, sinala algúns coma “o impacto das vivendas turísticas no mercado inmobiliario, especialmente no alugueiro”, un tema “que comeza a abordarse en moitos sitios, e Galicia non debe quedar atrás”.

As axencias tamén viven retos como o da dixitalización ou o avance da intelixencia artificial: “Temos moito por facer”, afirma Martínez. Entre os obxectivos da nova directiva de AGALIN están tamén os de continuar ampliando o número de asociados e promover a adopción dun código ético profesional no sector.

Congreso inmobiliario

AGALIN presentará nos vindeiros días o programa da quinta edición do congreso das axencias inmobiliarias de Galicia. Celebrarase en Palexco, na Coruña. Na edición de 2023, o congreso contou coa presenza de máis de 400 participantes e relatores de primeiro nivel procedentes tanto do sector como das administracións públicas ou de entidades relacionadas públicas e privadas relacionadas co mercado inmobiliario.

O novo equipo

A nova xunta directiva de AGALIN complétana Emilio García, de Galician Homes, como vicepresidente; Álvaro Canosa, de Inmonosa, como tesoureiro; Vicente Martínez, de Apóstolo Inmobiliaria, é o tesoureiro. Fernando Casas, da axencia Miraben, actuará como vicesecretario.

A presidenta, Emma Martínez de la Fuente, é técnico superior en administración e fianzas e en comercio e márketing, e ten estudos de posgrao como un Máster en Asesoría, Xestión e Promoción Inmobiliaria ou estudos de especialización no Instituto Español de Analistas Financeiros. Desde 2007, xestiona a súa propia axencia,  S2M Servicios Integrales.