ACTUALIDADE

Comunicado Agalin

AGALIN REIVINDICA O PAPEL DA INTERMEDIACIÓN PROFESIONAL ANTE OS RETOS ACTUAIS DO MERCADO DA VIVENDA

A Asociación Galega de Inmobiliarias defende un mercado baseado na profesionalidade, a transparencia e a seguridade para todas as partes, e reclama diálogo e estabilidade para afrontar os problemas de acceso á vivenda.

A Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN) considera necesario trasladar á sociedade a súa posición ante a situación que atravesa actualmente o mercado da vivenda en Galicia e ante un debate público no que, con demasiada frecuencia, se simplifican problemas de enorme complexidade ou se atribúen responsabilidades ao conxunto dun sector sen distinguir entre prácticas, empresas e profesionais.

O acceso á vivenda é unha das principais preocupacións sociais do momento. A escaseza de oferta, especialmente no alugueiro, a evolución dos prezos e a incerteza derivada dos continuos cambios normativos están afectando tanto ás persoas que buscan unha vivenda como aos propietarios que valoran incorporala ao mercado. É unha realidade que as inmobiliarias coñecemos de primeira man porque acompañamos diariamente a ambas partes e observamos directamente como esas dificultades condicionan cada vez máis as operacións.

Os datos recentes amosan a necesidade de abordar esta situación con rigor. En Santiago de Compostela, por exemplo, a oferta dispoñible para alugueiro pasou en poucas semanas de arredor de 400 vivendas a pouco máis de 300. Profesionais de AGALIN advertiron tamén da paralización de operacións ante a inseguridade e a falta de certezas existente no mercado.

A intermediación profesional, parte da solución

Neste contexto, AGALIN considera especialmente importante explicar cal é o papel real dunha axencia inmobiliaria profesional. A súa función non consiste en crear a escaseza de vivenda nin en determinar por si mesma os prezos do mercado, senón en intermediar entre as partes, asesorar, verificar documentación, explicar dereitos e obrigas, negociar condicións e ofrecer seguridade nunhas operacións que son cada vez máis complexas desde o punto de vista económico, xurídico e administrativo.

A intermediación profesional debe contribuír precisamente a reducir a incerteza. Un mercado equilibrado necesita propietarios con garantías suficientes para ofrecer as súas vivendas e tamén inquilinos e compradores que reciban información clara, protección e unhas condicións transparentes. Presentar estas necesidades como intereses necesariamente contrapostos non axuda a solucionar o problema da vivenda.

Por iso, AGALIN defende un modelo baseado no diálogo e na seguridade para todas as partes. Máis protección para quen accede a unha vivenda e máis confianza para quen a incorpora ao mercado son obxectivos que deben avanzar conxuntamente se queremos aumentar a oferta e favorecer un mercado máis estable.

AGALIN: profesionalidade, responsabilidade e confianza

Esta defensa da intermediación inmobiliaria non significa xustificar calquera actuación realizada dentro do sector. AGALIN distingue claramente entre o exercicio profesional da actividade e aquelas prácticas que non responden aos estándares que a asociación defende.As empresas integradas en AGALIN comparten unha maneira de entender a profesión baseada na transparencia, a responsabilidade, a formación, o coñecemento do mercado e o respecto ás persoas que participan en cada operación. A pertenza á asociación implica un compromiso coas boas prácticas e cunha prestación de servizos rigorosa e profesional.

Neste sentido, o distintivo AGALIN representa algo máis que a pertenza a unha asociación empresarial: identifica empresas que comparten uns principios e unha determinada forma de exercer a profesión. Para propietarios, compradores e inquilinos, debe ser unha referencia de confianza, acompañamento e compromiso profesional.

Por iso consideramos tamén necesario evitar que actuacións individuais ou prácticas concretas acaben proxectando unha imaxe negativa sobre todo o sector. Defender a profesión inmobiliaria significa, ao mesmo tempo, defender a súa profesionalización e elevar permanentemente os estándares cos que se presta o servizo.

Estabilidade e diálogo para recuperar a confianza

O problema da vivenda non se resolverá mediante a confrontación nin buscando un único responsable. Galicia necesita incrementar a oferta dispoñible, especialmente no alugueiro, e para iso é imprescindible crear un marco que xere confianza e permita adoptar decisións con maior seguridade.

AGALIN considera necesario avanzar cara a unha regulación estable, comprensible e previsible, acompañada dun diálogo real entre administracións, propietarios, consumidores e profesionais do sector. As políticas de vivenda serán máis eficaces canto mellor incorporen a experiencia de quen traballa diariamente sobre o territorio e coñece de primeira man as razóns polas que unha vivenda entra no mercado, permanece nel ou acaba retirándose.

As inmobiliarias forman parte das cidades, vilas e barrios de Galicia e traballan todos os días con persoas que afrontan decisións de enorme importancia persoal e económica. Por iso, AGALIN reafirma o seu compromiso cun sector cada vez máis profesional, transparente e responsable e cun mercado no que propietarios, compradores e inquilinos poidan operar con maiores garantías.

Os profesionais inmobiliarios non somos alleos ao problema da vivenda. Estamos en primeira liña, coñecemos as dificultades das partes e queremos contribuír a atopar solucións. Ese é o compromiso de AGALIN e das empresas que forman parte da asociación.

logo agalin
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.