• A Asociación Galega de Inmobiliarias e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) deseñan un mecanismo extraxudicial para a resolución de conflitos entre inquilinos e propietarios.
  • A iniciativa, que tamén ten entre os seus obxectivos vixiar a evolución das vivendas de uso turístico en Galicia, xorde dun convenio de colaboración entre as entidades asinado hoxe.

 

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALÍN) asinaron no día de hoxe un convenio de colaboración dirixido a mellorar as relacións entre particulares e empresarios do sector inmobiliario, incidindo na súa formación e información así como no deseño de mecanismos de resolución de conflitos.

 

A principal medida que xurde deste convenio é o deseño dun mecanismo de resolución de conflitos entre particulares partes dun contrato de natureza inmobiliaria e que polo feito de tratarse de particulares non contan con outro procedemento á parte da vía xudicial. O mecanismo arbitral deseñado pola UCGAL e AGALÍN, permitirá ás partes resolver a súa controversia nun prazo de tan só 15 días desde que decidan a súa posta en marcha. Para isto, as dúas organizacións ofrécense a axudar aos particulares coa aportación de árbitros con contrastada experiencia tanto no sector como nos procedementos de resolución extraxudicial de conflitos.

 

Durante os últimos meses, a incidencia da pandemia trouxo consigo novas problemáticas no sector inmobiliario, especialmente en materia de arrendamentos e na duración ou suspensión dos contratos, por exemplo no modalidade de arrendamentos para uso distinto de vivenda. Ambas entidades consideran que co deseño desta ferramenta non só ofréceselles aos particulares unha solución áxil e practicamente de balde, senón que abre a porta a unha nova forma de traballar na que se aposte pola calidade dos servizos e na aportación de solucións aos problemas reais da cidadanía. Por este motivo, o convenio prevé así mesmo o fomento da figura da arbitraxe de consumo para a resolución das reclamacións entre consumidores e empresarios ou profesionais cando a discrepancia xurda entre as axencias inmobiliarias asociadas e os seus clientes.

 

A outra gran liña de traballo conxunto entre as dúas entidades ten que ver coa preocupante evolución no mercado de inmobles que se destinan a usos turísticos detraendo estes da oferta residencial. UCGAL e AGALÍN asumen o compromiso de vixiar esta evolución, as políticas deseñadas para o seu control, así como traballar na denuncia de todas as irregularidades que constaten neste eido.