• A renovada xunta directiva de AGALIN prepara o V Congreso inmobiliario de Galicia, que se celebrará en abril na Coruña
  • Martínez cre que «o sector está  nunha época de cambios cruciais”, que afectan tanto os compradores e aos vendedores coma ás axencias»
A Coruña
Emma Martínez, Presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN).
29/02/2024
Foto: Moncho Fuentes / Orestes Comunica

19.03.24. A coruñesa Emma Martínez de la Fuente é desde esta semana a presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN). Ela e o seu equipo abordarán nas vindeiras semanas o seu primeiro reto:  a organización do V Congreso Inmobiliario de Galicia, xa moi avanzada pola directiva saínte. Este ano, o Congreso de AGALIN celebrarase os días 18 e 19 de abril na Coruña.

Co nomeamento da súa nova xunta directiva, a entidade na que se reúnen as axencias inmobiliarias de Galicia abre unha época na que quere continuar mellorando o seu posicionamento como a asociación profesional inmobiliaria de referencia en Galicia, dinamizar a colaboración e a comunicación entre todos os asociados, e consolidar a colaboración coas administracións públicas.  

“A xunta directiva saínte fixo un gran traballo”, explica Emma Martínez de la Fuente, “e temos a obriga de continuar avanzando, máxime cando  o sector está  nunha época de cambios cruciais”. Ao referirse a eses cambios, cita “tanto factores conxunturais coma outros de longo alcance e complexidade que afectan tanto aos compradores de vivenda coma a promotores, vendedores particulares e, por suposto, ás axencias».

Pouca oferta, alugueres turísticos…

Entre os fenómenos conxunturais, a nova presidenta de AGALIN refírese  á “debilidade da oferta de vivenda nova» e á «previsible baixada dos tipos de interese«.  Entre os procesos de longo alcance que afectan a compradores e vendedores ou ao mercado dos alugueres, sinala algúns coma «o impacto das vivendas turísticas no mercado inmobiliario, especialmente no alugueiro”, un tema “que comeza a abordarse en moitos sitios, e Galicia non debe quedar atrás».

As axencias tamén viven retos como o da dixitalización ou o avance da intelixencia artificial: «Temos moito por facer», afirma Martínez. Entre os obxectivos da nova directiva de AGALIN están tamén os de continuar ampliando o número de asociados e promover a adopción dun código ético profesional no sector.

Congreso inmobiliario

AGALIN presentará nos vindeiros días o programa da quinta edición do congreso das axencias inmobiliarias de Galicia. Celebrarase en Palexco, na Coruña. Na edición de 2023, o congreso contou coa presenza de máis de 400 participantes e relatores de primeiro nivel procedentes tanto do sector como das administracións públicas ou de entidades relacionadas públicas e privadas relacionadas co mercado inmobiliario.

O novo equipo

A nova xunta directiva de AGALIN complétana Emilio García, de Galician Homes, como vicepresidente; Álvaro Canosa, de Inmonosa, como tesoureiro; Vicente Martínez, de Apóstolo Inmobiliaria, é o tesoureiro. Fernando Casas, da axencia Miraben, actuará como vicesecretario.

A presidenta, Emma Martínez de la Fuente, é técnico superior en administración e fianzas e en comercio e márketing, e ten estudos de posgrao como un Máster en Asesoría, Xestión e Promoción Inmobiliaria ou estudos de especialización no Instituto Español de Analistas Financeiros. Desde 2007, xestiona a súa propia axencia,  S2M Servicios Integrales.

logo agalin
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.